mércores, 27 de febreiro de 2013

2ª pregunta "Para saber máis"

Esta é a segunda pregunta do concurso para saber máis:

Busca información na biblioteca, pregunta na casa, aos teus compañeiros....
Sabes que animal é?

Foron varios os alumnos que responderon:
5º de E. Infantil: Naim, Celeste, Lucía, Hugo, Pablo, Sergio, Azahara, Gimena, Inés, Manuela, Lola e Fátima. 
1º de E. Primaria: Noa. 
2º de E. Primaria: Nuria e Nerea. 
5º de E. Primaria: Miguel. 

E, entre todas as respostas, decidimos publicar ésta:
Nerea: "O coello común ou coello europeo é unha especie de mamífero lagomorfo da familia leporídea e o único membro do xénero oryctolagus. Está incluido na lista das cen especies exóticas invasoras más daniñas do mundo da Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Vive en áreas secas próximas ao nivel do mar, prefiren campos extensos cubertos por matorral onde poden esconderse. Habitan en bosques cheos de césped. En ocasións, atopánse en cultivos agrícolas onde se alimentan de leituga, grans ou raíces cuxo fin era a inxesta humana. Aliméntanse desde que anoitece ata que amence e pasa a  maior parte do día nas súas madrigueras.
Son fértiles todo o ano. O período de xestación dura 32 días e as camadas oscilan entre 4 e 12 crías. Poden ter varias camadas ao ano. Nacen sen pelo e cegos. A nai solo os visita uns poucos minutos ao día para alimentalos co seu leite. As crías son destetadas ás catro semanas de vida. Aínda que poden cehgar a vivir dez anos, o noventa por cen dos exemplares, non supera o primeiro ano de vida".


Podedes xa participar na terceira pregunta. Lembrade que, na porta de entrada, podedes ver as vosas puntuacións.



luns, 25 de febreiro de 2013

Concurso de contos

Este ano, a Asociación Cultural Froles Mareliñas convoca o seu primeiro concurso de contos.
Hai tres modalidades de participación: Infantil (ata os 12 anos), Xuvenil (de 13 a 17 anos) e Adultos (a partir de 18 anos).
Existe un único premio de 100 euros para cada categoría mais, con todos os contos dos participantes, elaborarase un libro de recompilación.
A entrega de premios, será no Multiusos de Chapela o día 17 de maio.


Concurso Literario Carlos Casares

A Asociación Cultural O Facho (A Coruña) presenta un concurso para nenos e nenas.
Os traballos deben estar presentados en Lingua Galega e ser orixinais e inéditos.
Hai dúas categorías en función da idade: Categoría A (de 6 a 12 anos) e Categoría B (de 13 a 16 anos).
Extensión: un máximo de cinco folios para a Categoría A e dez folios para a Categoría B.
Premios: o primeiro e o segundo premiado de cada categoría recibirán 100 euros en efectivo e un lote de libros da Editorial Galaxia.
Prazo: a recepción de traballos remata o 30 de abril.
Atoparedes a información completa para participar pinchando aquí.

venres, 22 de febreiro de 2013

A páxina Fervenzas Literarias, sobre literatura galega, acaba de publicar na súa web, un ano máis, os resultados da súa enquisa sobre O Mellor de 2012, feita por un total de 453 lectores e lectoras. Aquí tedes os resultados:  

    - Mellor libro de Narrativa de adultos: "As voces baixas" de Manuel Rivas (Xerais).
     
    - Mellor libro de Poesía: "Calado testamento" de Xavier Rodríguez Barrio (Espiral Maior).
     
    - Mellor libro de Ensaio: "O rastro que deixamos" de Agustín Fernández Paz (Xerais).
     
    - Mellor libro de Literatura dramática: "Banqueiros" de varios autores (Laiovento).
     
    - Mellor libro de Banda Deseñada: "Ardalén" de Miguelanxo Prado.
     
    - Mellor libro traducido ao galego para adultos: "Mr. Gwyn" de Alessandro Baricco (Galaxia).
     
    - Mellor libro xuvenil: "Palabras de auga" de Marcos Calveiro (Xerais).
     
    - Mellor libro infantil: "María Fumaça" de varios autores (Galaxia).
     
    - Mellor libro traducido ao galego para público infantil e xuvenil: "Lilus Kikus" de Elena Poniatowska, traducido por Teresa Moure (Trifolium).
     
    - Autor do ano: Agustín Fernández Paz.
     
    - Ilustrador do ano: Miguelanxo Prado.
     
    - Mellor portada dun libro para adultos: "Tonas de laranxa" (Xerais).
     
    - Mellor portada dun libro para público infantil e xuvenil: "Palabras de auga" (Xerais).
     
    - Mellor editorial: Xerais.
     
    - Mellor crítico/a: Armando Requeixo.
     
    - O mellor acontecido: Culturgal.
     
    - O peor acontecido: A política cultural da Xunta.
     
    - Mellor Libraría: Libraría Couceiro.
     
    - Mellor medio de comunicación: Praza.
     
    - Mellor blogue: "Brétemas" de Manuel Bragado.”

xoves, 21 de febreiro de 2013

Como buscar na rede?

Charo Sánchez-Gabriel (IES Sánchez Cantón, Pontevedra) e María Olga Rodríguez Díaz (CEIP Milladoiro, Malpica), crearon esta excelente presentación para axudarnos a buscar, na rede, os recursos que precisamos. Moitas gracias polo voso traballo.


venres, 15 de febreiro de 2013

Entroido

No cole estamos a facer un proxecto sobre os Beatles. E, o pasado venres saímos a rúa para facerlle a nosa pequena homenaxe. Fixemos un percorrido moi moi moi longo, desde o cole ata Samieira e, ao chegar á praza, cantamos algunhas das súas cancións e, logo, bailamos todos xuntos. Pasámolo xenial. 
Aquí tedes algunhas fotos. 



                







Día da Paz

Os chicos da Casa Rosada viñeron ao cole a celebrar este día con nós. Eles, pedíronnos que, cada un de nós, fixera un "homiño de papel" do tamaño fun folio cheo de palabras, novas ou imaxes alegres que saíran nos periódicos. E logo, entre toda a clase, tiñamos que facer outro moitísimo máis grande para enchelo de novas non tan boas. Ana, Pilar e Miguel trouxeron unha máquina ao cole moi especial que transformou os homiños xigantes e cheos de palabras feas en homiños novos e moi branquiños, para que, puideramos enchelos cos nosos homiños pequenos e moi ledos. 
Ao final, todos xuntos, cantamos dúas cancións. 

"O homiño de papel" de Fernando Alonso 












mércores, 13 de febreiro de 2013

Contacontos

Este venres, ás 18.00 horas, haberá un contacontos na Biblioteca Pública de Pontevedra, en homenaxe a Eduardo Blanco Amor. Non faltades!!



luns, 4 de febreiro de 2013

A Voz de Galicia

Nota de prensa, A Voz de Galicia, 13 de xaneiro de 2013. Aínda que a noticia fai referencia á provincia de Ourense de xeito concreto, ben pode aplicarse ao resto das provincias galegas de xeito xeral, posto que, todas as bibliotecas comparten os mesmos fins.
Agardo que vos faga tanta ilusión coma a min ler artigos deste tipo.

domingo, 3 de febreiro de 2013

Lectora do mes: Azahara González


Azahara González é a primera lectora do 2013!! 
Un de cada cinco libros emprestados este mes de xaneiro na biblio do cole, foi collido por Azahara ou pola súa mami, por iso, ela é a nosa lectora do mes. 
A nosa protagonista está en 5º de Educación Infantil e aquí tedes a súa entrevista: 

LEO: Olaaa!! Como te chamas?
AZAHARA: Azahara. 
LEO: E cantos anos tes Azahara?
AZAHARA: 4.
LEO: En que curso estás?
AZAHARA: mmm...
LEO: Como se chama a túa profe?
AZAHARA: Ana. 
LEO: Ah! Entón estás en Infantil. Cales son os libros que máis che gustan?
AZAHARA: Os de pinguíns.
LEO: E de todos os libros que hai na biblio, cal é o teu preferido?
AZAHARA: Os de canciños.
LEO: Que libro estás lendo agora?
AZAHARA: O de avións con mami.
LEO: Gústalle a biblio?
AZAHARA: Sí.
LEO: Que é o que máis che gusta da biblio?
AZAHARA: As revistas.
LEO: Que cousas fas cando ves á biblio?
AZAHARA: Mirar contos.
LEO: Gústache ler Azahara?
AZAHARA: Sí.
LEO: É bo ou malo ler moito?
AZAHARA: Aprendes cousas.
LEO: Moitas grazas Azahara e moitas felicidades. Pronto verás a túa entrevista colgada no taboleiro de novidades da biblio!!